10 abr 2010

As propiedades da materia dende a ISS

Terceira entrega da divertida serie documental onde distintos astronautas explican conceptos de física con demostracións dende a Estación Espacial Internacional (ISS).

Esta vez o italiano Roberto Vittori acompaña as explicacións con experimentos que exploran as diferentes estructuras, estados e propiedades da materia.







Dende aquí podedes acceder todas as entregas:

1. As Leis de Newton por Pedro Duque
2. Os efectos da ingravidez dende a ISS
3. As propiedades da materia dende a ISS
4. Robótica espacial explicada dende a ISS

9 abr 2010

A ISS e o Discovery sobre Trives

Hoxe, venres 9 de abril, puidemos ver dende Trives a ISS sobre as nosas cabezas. A Estación Espacial Internacional está actualmente acoplada ó coñecido transbordador Discovery e tripulada por varios astronautas entre os que se inclúen o xaponés Soichi Noguchi que recentemente fotografiou a Ría de Vigo dende a nave, aparecía ás 7:34 da mañá polo oeste, e cruzaba a notable velocidade a bóveda celeste desaparecendo a medida que se achegaba ó amencer.


Para coñecer as previsións de visibilidade da ISS podémolo facer dende a páxina heavens-above.com. Seleccionando como lugar de observación Trives, ou o que desexemos, coñeceremos detalladamente o intervalo horario no que se poderá ver a estación, así como a estimación da magnitude (medida do brillo de corpos celestes). Tamén teremos acceso á carta estelar que facilitará a observación.

Os datos correspondentes ó paso da ISS por Trives no día de hoxe foron os seguintes, así como a carta estelar coa traxectoria do satélite foron, segundo heavens-above.com:

Magnitude: -3.2 Hora comezo: 07:34:24 Dirección: WSW Hora altitude máxima: 07:37:16 Dirección: NNW Hora fin: 07:40:09 Dirección: NE

NOTA: a magnitude -3.2 supón un brillo maior que o de calquera estrela e próximo ó do planeta Venus no seu máximo resplandor.

5 abr 2010

O Discovery xa está no espazo

Dende Astronotrives puidemos ver puntualmente ás 12:21 o espectacular lanzamento do transbordador espacial Discovery en directo. Todo saíu segundo o previsto, e grazas ós comentarios dos compañeiros de orbitazero.es todo o proceso foi detalladamente explicado en cada momento.

Espérase que o mércores á mañá sexa retransmitido o acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS). Podedes informarvos dos detalles da misión en orbitazero.es.

O próximo lanzamento previsto é o xoves 8 pola tarde, cando será posto en órbita o satélite europeo Cryosat 2 para o estudo do cambio do xeo na Terra.