26 mar 2010

Hemeroteca astronómica

A astronomía constitúe unha disciplina de gran atractivo, e non só na actualidade. Os últimos descubrimentos da comunidade científica sobre os corpos celestes ou os principais logros na exploración espacial ocupan e ocuparon portadas de revistas de divulgación científica e páxinas enteiras na prensa.

Grazas ó servizo de hemeroteca dalgúns periódicos que ofrecen os exemplares anteriores á "era dixital" escaneados en formato PDF, podemos ter acceso á visión que se tiña dos últimos avances en materia espacial durante as distintas décadas do século XX.

Por exemplo, no seguinte artigo do 4 de maio de 1977 (non tan antigo, tan so hai uns 33 anos) relatan como un descubrimento asombroso o feito de que Saturno non fora o único planeta con aneis ó atoparense evidencias de que Urano tamén os posuía. Á vista das novas de actualidade, nas que se dan a coñecer datos de exoplanetas, de sistemas e estrelas moi alonxados e de outros asombrosos misterios do Universo, hoxe semella un descubrimento bastante modesto. Isto exemplifica a gran velocidade á que avanza a ciencia así como a celeridade coa que asumimos as súas conclusións.


Nesta outra nova, datada o 3 de xuño de 1966, aparecen fotos da sonda Surveyor, unha das misións previas á chegada do home á Lúa na misión Apolo 11 de 1969, en plena carreira espacial entre EEUU e a URRS.


Se tedes a curiosidade de investigar pola vosa conta nos arquivos de prensa podedes buscar novas dende a hemeroteca de "La Vanguardia":

Hemeroteca de "La Vanguardia" con novas dende 1881

NOTA: Pinchade nas fotos para ver a súa ampliación

25 mar 2010

Recreación do Big Bang no LHC

O LHC, o maior acelerador de partículas do mundo, abrirá unha ventá cara o descoñecido para a comunidade científica internacional a partir do 30 de marzo, data na que se prevé o choque de protóns cunha enerxía nunca vista polo ser humano de 7 TeV (teraelectrónvoltios).


Este choque producirase só á metade de potencia da macroestructura,da que se esperan magnitudes de 14 TeV. Pero antes de maximizar as capacidades do LHC, reforzaránse as medidas de seguridade para conter o que se afirma será, a pequena escala, unha liberación de enerxía de natureza similar á dos instantes inmediatamente posteriores ó Big Bang.


Este experimento pode confirmar a existencia dunha hipotética partícula chamada Bosón de Higgs, fundamental para avanzar nas investigacións da física de partículas, afondar no coñecemento da enerxía escura e da orixe do Universo.

CURIOSIDADE: O LHC recolle nos seus experimentos tal cantidade de datos que non hai ordenador que poida procesalos polo que, igual que no proxecto SETI no que miles de usuarios colaboran no procesamento das observacións de radiotelescopios co seu ordenador persoal para a busca de vida intelixente, creouse a páxina LHC@home a través da cal podemos axudar coa nosa computadora a estudar a inmensa fonte de coñecementos que suporán as colisións no LHC.

22 mar 2010

As Leis de Newton por Pedro Duque

No ano 1687 o físico, matemático e astrónomo inglés Sir Isaac Newton revolucionaba o coñecemento do Universo sentando as bases da mecánica clásica coa formulación das Leis de Newton.

Newton amosaba como combinando a Lei da gravitación universal coas tres leis citadas podíanse deducir e explicar as Leis de Kepler sobre o movemento planetario, que supuxeran a principios do século XVII un salto cualitativo no coñecemento do noso Sistema Solar.

Podedes ver o seu enunciado dende a ligazón á galipedia pinchando no seu nome, pero por sorte o primeiro astronauta español, Pedro Duque, membro da ESA (Axencia Espacial Europea), ofrécenos unha marabillosa e entretida demostración dende a Estación Espacial Internacional (ISS) para que as entendamos mellor.





Dende aquí podedes acceder todas as entregas:

1. As Leis de Newton por Pedro Duque
2. Os efectos da ingravidez dende a ISS
3. As propiedades da materia dende a ISS
4. Robótica espacial explicada dende a ISS