27 may 2010

Continúa a semana da ciencia

A semana da ciencia continúa no IES Xermán Ancochea.

Durante os últimos días o instituto impregnouse de astronomía grazas ó esforzo do alumnado nas últimas semanas. No primeiro andar podemos ver os planetas pendurados representando as distancias a escala no Sistema Solar. Á altura de cada un, os traballos en cartolinas dos alumnos explican diferentes aspectos físicos e mitolóxicos de cada astro. 2º e 4º de ESO foron os encargados de construír esta representación e as súas explicacións.



Tamén podemos disfrutar de información sobre as distintas constelacións, traballo de 1º ESO. E noutro panel con murais e unha maqueta poderemos informarnos de todo o relativo ás órbitas dos cometas, Kepler, elipses e ó método do xardineiro para a súa construcción. Os alumnos de 3º de ESO foron os artífices deste traballo.



Ademais ampliouse a exposición coa mostra de mulleres matemáticas e finalizouse a proxección para todos os grupos de October Sky. Pero aínda queda por facer. Nos próximos días espérase a instalación de máis materiais traballados polos alumnos, coma un reloxo de sol, unha estación meteorolóxica e posiblemente algunha práctica con material ofrecido pola ESA.



23 may 2010

LISA: Un experimento xigantesco para probar as teorías de Einstein

A NASA e a ESA preparan a construción do experimento científico máis grande da historia: tres naves espaciais que se separarán ata 5 millóns de quilómetros de distancia entre elas - 13 veces a distancia entre a Terra e a Lúa - e dispararán un láser - cunha precisión de 40 billonésimas de metro - que deberán recibir nuns pequenos cubos de oro-platino de tan so 4,6 centímetros de aresta. Deste xeito formarán un xigantesco triángulo equilátero orbitando xunto ó noso planeta.


O obxectivo é verificar a existencia das ondas gravitacionais, último detalle da teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein que queda por comprobar experimentalmente .


Pese a que xa se están fabricando os instrumentos que levarán as naves, o proxecto, denominado LISA (Antena Espacial de Interferómetro Láser), non dará comezo ata o 2020. Antes levarase a cabo unha misión a pequena escala, a LISA Pathfinder, para probar a tecnoloxía do experimento principal.