30 abr 2010

Robots na ISS. Robots de cine.

A partir de setembro, a Estación Espacial Internacional (ISS) contará cun novo tripulante. O seu nome é Robonauta 2 (R2), un humanoide deseñado para traballar nas difíciles condicións do espazo, que tamén podería realizar tarefas industriais na Terra. Deste xeito serviría de apoio para a tripulación nas misións máis difíciles e perigosas.


Por fin parece que as especulacións sobre o desenvolvemento dos androides que tanto xogo deu no cine comeza a tomar forma real. Faremos a continuación un breve repaso dalgunhas das películas máis relevantes con protagonismo de robots.

O tema comezou a tratarse cinemátográficamente con máis antelación da que cabería esperar. No ano 1927 o cine xa profetizou a relevancia da robótica no futuro da humanidade no filme mudo Metrópolis, obra mestra de Fritz Lang e cumio do cine expresionista alemán, chegando ó extremo de ser nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.



A película reflicte un mundo futurista onde as diferencias sociais son extremas, no que as incitacións dun robot son o detonante para que a clase obreira, habitante da cidade subterránea, se rebele contra o sistema.



Os efectos especiais e a ambición visual do filme resultan abraiantes se pensamos nas limitacións tecnolóxicas que terían hai uns 83 anos. Existe unha película anime homónima, Metrópolis de Osamu Tezuka, realizada no 2001 e inspirada no clásico de Lang:



Tras varias produccións nos anos 50 coma o clásico da ciencia ficción Ultimátum á Terra (1951) do que recentemente se fixo un remake, Planeta Prohibido (1956) onde aparece por primeira vez Robby o robot, e outros títulos de serie B máis prescindibles como Robot Monster ou Devil Girl from Mars, sorprende a calidade lograda se avanzamos ata o 1968, data na que o xenio do cine Stanley Kubrick inquedaba ós espectadores coa sinistra transformación e actitude desobediente do robot-ordenador HAL na película 2001: unha odisea no espazo.







A mesma idea foi imitada ou parodiada en numerosas ocasións como na película Moon (2009), de Duncan Cameron - fillo do cantante David Bowie -, considerada xa de culto para algúns sectores de cinéfilos, na que o robot GERTY lembra a HAL, ou na coñecida serie Os Simpson (tempada 13, episodio 1) na que Ultrahouse 3000, computadora idéntica a HAL concebida para controlar os automatismos domésticos, trata de asasinar a Homer e conquistar a Marge.



Tamén foi levada ó extremo da guerra entre máquinas e humanos en películas como a saga Terminator (1984-2009), iniciada por James Cameron con Arnold Schwarzenegger facendo de T-800, ou a triloxía Matrix dos irmáns Wachowski (1999-2003) con Keanu Reeves (Neo) e Hugo Weaving (Mr. Smith) como protagonista humano e antagonista robot respectivamente.

Na primeira, as circunstancias bélicas levan ás máquinas a viaxar no tempo para evitar o nacemento do lider humano asasinando á súa nai co robot Terminator.



Matrix introduce conceptos máis actuais relacionados coas novas tecnoloxías: a realidade virtual e Internet. Plantexa que o mundo que coñecemos é en realidade un entorno virtual ficticio que as máquinas crean para escravizar ós humanos e alimentarse da súa enerxía.



Outro título imprescindible é Blade Runner (1982), filme de Ridley Scott baseado no libro de Philip K. Dick titulado Soñan os androides con ovellas eléctricas?. Precursora do ciberpunk, a película, que mestura elementos de cine negro clásico con ciencia ficción, trata da persecución dos replicantes, humanoides idénticos ós humanos deseñados con enxeñería xenética no ano 2019 que se rebelan e se convirten en proscritos perseguidos polas unidades Blade Runner.



A robótica tamén tivo un tratamento máis amable en películas como Star Wars (1977-1983, 1999-2005) onde R2D2 e C3PO acadaban a fama como simpatico dúo de robots que se convirten en heroes da rebelión contra o imperio do malvado Palpatine e da súa man dereita Darth Vader.



Un dos últimos robots cinematográficos foi Wall-E (2008), entrañable andoride chatarreiro creado por Pixar, que nunha espectacular media hora inicial homenaxea o humor de cómicos de cine mudo e en particular do xenial Buster Keaton. Wall-E lembra en deseño ó robot da película Cortocircuito (1986), comedia familiar dos anos 80 na que "Johnny 5", creado para fins militares, escapa ó ser alcanzado por un raio e ocúltase coa axuda dunha moza.





Hai algúns títulos destacables baseados na obra do prolífico divulgador científico e novelista Isaac Asimov, quen estableceu as tres coñecidas leis da robótica. Dous exemplos son Eu Robot (2004), de Alex Proyas e protagonizada por Will Smith como detective que investiga a posibilidade de que un robot fora de control asasinara un humano, ou O Home Bicentenario (1999) de Chris Columbus onde atopamos a Robin Williams interpretando a un robot que evoluciona experimentando emocións e amosando creatividade.



Tamén merecen mención AI: Intelixencia Artificial (2001) de Steven Spielberg, RoboCop (1987) de Paul Verhoeven, o androide Data da saga Star Trek (1966), Marvin, robot maniaco depresivo de Guía do autoestopista galáctico (2005), ou a película de animación Robots (2005), dos creadores da saga Ice Age.

Na seguinte reportaxe emitida por TVE 2 no 2008 repásanse algúns outros robots na pantalla:



Para finalizar, na seguinte ligazón aparece un listado cos 50 mellores robots na historia do cine segundo The Times:

50 mellores robots na historia do cine