13 mar 2010

Descubrindo o universo con Google

O xigante dos buscadores, Google, permite explorar o universo a través da súa aplicación online Google Sky. Cun funcionamento similar ó do coñecido Google Maps podemos viaxar polo espazo e incluso simular o visionado dos astros con raios-X e infravermellos. Tamén teremos acceso a fotos e datos de interese de cada rincón das galaxias e dos sistemas coñecidos.


Ademais da aplicación online temos a opción de baixar o programa instalable Google Earth que nos permite explorar o noso planeta con detalladas imaxes de satélite, e á que se lle engadiu a característica de explorar o universo e algúns planetas de xeito similar ó Google Sky.


Pero as posibilidades de estudar astronomía con Google aínda van máis aló, xa que pon á nosa disposición unha aplicación interactiva chamada A Aventura do Universo, desenvolvida pola Agrupación Astronómica de Madrid, CosmoCaixa, o Planetario de Madrid e Google, como parte das actividades do Ano Internacional da Astronomía. Animádevos e deixade un comentario coa vosa puntuación.


No xogo deberás contestar vinte preguntas para avaliar o teu nivel de coñecementos, e poderás subir a túa puntuación á rede e comparala coas de outros xogadores.

NOTA: Para ver imaxes de satélite de España e Galicia, as bases de datos con maior nivel de detalle, especialmente en zona rural, son as dos visores SIGPAC (España) e SIXPAC (Galicia), aplicacións do Fondo Español de Garantía Agraria e da Xunta de Galicia respectivamente para o seguimento de parcelas agrarias, medición de terreos e información catastral. Como mostra, a vista aérea do noso instituto:

10 mar 2010

A inmensidade do universo cantada polos Monty Phyton

Practicade o voso inglés con este video que acompaña imaxes do Sistema Solar, da galaxia e do universo ó ritmo da canción Galaxy Song do xenial grupo de humoristas británicos Monty Phyton.


A canción, de aire ledo, fala do insignificantes que somos na inmensidade do universo citando varios datos concretos que exemplifican a idea de que o seu tamaño é inabarcable para o noso entendemento.

A continuación preséntase un flash interactivo no que movendo o deslizador da parte de abaixo cambiamos a escala para amosar dende as partículas máis pequenas coñecidas ata o que se estima que será o tamaño total do universo, pasando por medidas de átomos, moléculas, microbios, insectos, animais, homes, planetas e galaxias.

A escala do Universo

Telescopios. Simulador de Telescopios. Observatorios galegos

No seguinte enlace poderedes coñecer toda a información sobre o funcionamento do "mellor amigo do astrónomo", o telescopio óptico:

http://www.astrosurf.com/astronosur/telescopios.htm



Ademais, na mesma páxina atopamos un simulador de telescopio onde podemos alterar parámetros reais de telescopios e comprobar os efectos que teñen sobre a observación de catro representativos obxectos celestes: a Lúa, Marte, Saturno e a Nebulosa de Orion (M42)

Simulador de telescopios:
http://www.astrosurf.com/astronosur/telescopios_simulador.htm

En Galicia temos un importante telescopio no observatorio astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, adicado ó estudo das estrelas dobres e fundado polo importante astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa.



Máis cerca, na nosa comarca, no concello de San Xoan de Río existe outro observatorio na alberguería Os Biocos da Vía Nova.