26 mar 2010

Hemeroteca astronómica

A astronomía constitúe unha disciplina de gran atractivo, e non só na actualidade. Os últimos descubrimentos da comunidade científica sobre os corpos celestes ou os principais logros na exploración espacial ocupan e ocuparon portadas de revistas de divulgación científica e páxinas enteiras na prensa.

Grazas ó servizo de hemeroteca dalgúns periódicos que ofrecen os exemplares anteriores á "era dixital" escaneados en formato PDF, podemos ter acceso á visión que se tiña dos últimos avances en materia espacial durante as distintas décadas do século XX.

Por exemplo, no seguinte artigo do 4 de maio de 1977 (non tan antigo, tan so hai uns 33 anos) relatan como un descubrimento asombroso o feito de que Saturno non fora o único planeta con aneis ó atoparense evidencias de que Urano tamén os posuía. Á vista das novas de actualidade, nas que se dan a coñecer datos de exoplanetas, de sistemas e estrelas moi alonxados e de outros asombrosos misterios do Universo, hoxe semella un descubrimento bastante modesto. Isto exemplifica a gran velocidade á que avanza a ciencia así como a celeridade coa que asumimos as súas conclusións.


Nesta outra nova, datada o 3 de xuño de 1966, aparecen fotos da sonda Surveyor, unha das misións previas á chegada do home á Lúa na misión Apolo 11 de 1969, en plena carreira espacial entre EEUU e a URRS.


Se tedes a curiosidade de investigar pola vosa conta nos arquivos de prensa podedes buscar novas dende a hemeroteca de "La Vanguardia":

Hemeroteca de "La Vanguardia" con novas dende 1881

NOTA: Pinchade nas fotos para ver a súa ampliación

No hay comentarios:

Publicar un comentario