27 may 2010

Continúa a semana da ciencia

A semana da ciencia continúa no IES Xermán Ancochea.

Durante os últimos días o instituto impregnouse de astronomía grazas ó esforzo do alumnado nas últimas semanas. No primeiro andar podemos ver os planetas pendurados representando as distancias a escala no Sistema Solar. Á altura de cada un, os traballos en cartolinas dos alumnos explican diferentes aspectos físicos e mitolóxicos de cada astro. 2º e 4º de ESO foron os encargados de construír esta representación e as súas explicacións.



Tamén podemos disfrutar de información sobre as distintas constelacións, traballo de 1º ESO. E noutro panel con murais e unha maqueta poderemos informarnos de todo o relativo ás órbitas dos cometas, Kepler, elipses e ó método do xardineiro para a súa construcción. Os alumnos de 3º de ESO foron os artífices deste traballo.



Ademais ampliouse a exposición coa mostra de mulleres matemáticas e finalizouse a proxección para todos os grupos de October Sky. Pero aínda queda por facer. Nos próximos días espérase a instalación de máis materiais traballados polos alumnos, coma un reloxo de sol, unha estación meteorolóxica e posiblemente algunha práctica con material ofrecido pola ESA.



23 may 2010

LISA: Un experimento xigantesco para probar as teorías de Einstein

A NASA e a ESA preparan a construción do experimento científico máis grande da historia: tres naves espaciais que se separarán ata 5 millóns de quilómetros de distancia entre elas - 13 veces a distancia entre a Terra e a Lúa - e dispararán un láser - cunha precisión de 40 billonésimas de metro - que deberán recibir nuns pequenos cubos de oro-platino de tan so 4,6 centímetros de aresta. Deste xeito formarán un xigantesco triángulo equilátero orbitando xunto ó noso planeta.


O obxectivo é verificar a existencia das ondas gravitacionais, último detalle da teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein que queda por comprobar experimentalmente .


Pese a que xa se están fabricando os instrumentos que levarán as naves, o proxecto, denominado LISA (Antena Espacial de Interferómetro Láser), non dará comezo ata o 2020. Antes levarase a cabo unha misión a pequena escala, a LISA Pathfinder, para probar a tecnoloxía do experimento principal.

20 may 2010

Soichi Noguchi fotografía o Atlantis sobre Tenerife

Unha vez máis publicamos unha espléndida fotografía de Soichi Noguchi. Nesta ocasión podemos ver retratado o transbordador Atlantis sobre a illa de Tenerife durante as maniobras de acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS)


Podes acceder dende aquí ós anteriores artigos nos que as fotografías do astronauta captaron a nosa atención:

1. A Ría de Vigo por Soichi Noguchi
2. Máis fotos de Soichi Noguchi

Accede a máis fotografías das Illas Canarias dende espazo na fonte: Orbitazero

16 may 2010

Comezo da Semana da Ciencia

A semana da ciencia no IES Xermán Ancochea prolongaráse máis dos sete días previstos inicialmente. Tras a visita ó observatorio astronómico Ramón María Aller e ó microscopio electrónico da USC, desenvolvéronse a partir do luns actividades como a exposición Medindo o Universo, a proxección da película October Sky, a charla da meteoróloga da TVG Beatriz Hervella e a colocación dun póster cunha liña temporal repasando historia da astronomía e outro sobre gran científico Isaac Newton.







Para a vindeira semana ampliarase a mostra con talleres e murais construidos por diferentes grupos de alumnos do instituto e programaranse máis actividades relacionadas coa ciencia en xeral e a astronomía en particular.

2 may 2010

Robótica espacial explicada dende a ISS

O cuarto e último capítulo da serie documental realizada na Estación Espacial Internacional (ISS) e presentada por diferentes astronautas está moi ligado ós contidos do anterior artigo. Esta vez é o cosmonauta alemán Thomas Reiter o encargado de amosarnos e explicarnos diferentes aspectos da robótica dende o espazo.








Dende aquí podedes acceder todas as entregas:

1. As Leis de Newton por Pedro Duque
2. Os efectos da ingravidez dende a ISS
3. As propiedades da materia dende a ISS
4. Robótica espacial explicada dende a ISS

30 abr 2010

Robots na ISS. Robots de cine.

A partir de setembro, a Estación Espacial Internacional (ISS) contará cun novo tripulante. O seu nome é Robonauta 2 (R2), un humanoide deseñado para traballar nas difíciles condicións do espazo, que tamén podería realizar tarefas industriais na Terra. Deste xeito serviría de apoio para a tripulación nas misións máis difíciles e perigosas.


Por fin parece que as especulacións sobre o desenvolvemento dos androides que tanto xogo deu no cine comeza a tomar forma real. Faremos a continuación un breve repaso dalgunhas das películas máis relevantes con protagonismo de robots.

O tema comezou a tratarse cinemátográficamente con máis antelación da que cabería esperar. No ano 1927 o cine xa profetizou a relevancia da robótica no futuro da humanidade no filme mudo Metrópolis, obra mestra de Fritz Lang e cumio do cine expresionista alemán, chegando ó extremo de ser nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.



A película reflicte un mundo futurista onde as diferencias sociais son extremas, no que as incitacións dun robot son o detonante para que a clase obreira, habitante da cidade subterránea, se rebele contra o sistema.



Os efectos especiais e a ambición visual do filme resultan abraiantes se pensamos nas limitacións tecnolóxicas que terían hai uns 83 anos. Existe unha película anime homónima, Metrópolis de Osamu Tezuka, realizada no 2001 e inspirada no clásico de Lang:



Tras varias produccións nos anos 50 coma o clásico da ciencia ficción Ultimátum á Terra (1951) do que recentemente se fixo un remake, Planeta Prohibido (1956) onde aparece por primeira vez Robby o robot, e outros títulos de serie B máis prescindibles como Robot Monster ou Devil Girl from Mars, sorprende a calidade lograda se avanzamos ata o 1968, data na que o xenio do cine Stanley Kubrick inquedaba ós espectadores coa sinistra transformación e actitude desobediente do robot-ordenador HAL na película 2001: unha odisea no espazo.







A mesma idea foi imitada ou parodiada en numerosas ocasións como na película Moon (2009), de Duncan Cameron - fillo do cantante David Bowie -, considerada xa de culto para algúns sectores de cinéfilos, na que o robot GERTY lembra a HAL, ou na coñecida serie Os Simpson (tempada 13, episodio 1) na que Ultrahouse 3000, computadora idéntica a HAL concebida para controlar os automatismos domésticos, trata de asasinar a Homer e conquistar a Marge.



Tamén foi levada ó extremo da guerra entre máquinas e humanos en películas como a saga Terminator (1984-2009), iniciada por James Cameron con Arnold Schwarzenegger facendo de T-800, ou a triloxía Matrix dos irmáns Wachowski (1999-2003) con Keanu Reeves (Neo) e Hugo Weaving (Mr. Smith) como protagonista humano e antagonista robot respectivamente.

Na primeira, as circunstancias bélicas levan ás máquinas a viaxar no tempo para evitar o nacemento do lider humano asasinando á súa nai co robot Terminator.



Matrix introduce conceptos máis actuais relacionados coas novas tecnoloxías: a realidade virtual e Internet. Plantexa que o mundo que coñecemos é en realidade un entorno virtual ficticio que as máquinas crean para escravizar ós humanos e alimentarse da súa enerxía.



Outro título imprescindible é Blade Runner (1982), filme de Ridley Scott baseado no libro de Philip K. Dick titulado Soñan os androides con ovellas eléctricas?. Precursora do ciberpunk, a película, que mestura elementos de cine negro clásico con ciencia ficción, trata da persecución dos replicantes, humanoides idénticos ós humanos deseñados con enxeñería xenética no ano 2019 que se rebelan e se convirten en proscritos perseguidos polas unidades Blade Runner.



A robótica tamén tivo un tratamento máis amable en películas como Star Wars (1977-1983, 1999-2005) onde R2D2 e C3PO acadaban a fama como simpatico dúo de robots que se convirten en heroes da rebelión contra o imperio do malvado Palpatine e da súa man dereita Darth Vader.



Un dos últimos robots cinematográficos foi Wall-E (2008), entrañable andoride chatarreiro creado por Pixar, que nunha espectacular media hora inicial homenaxea o humor de cómicos de cine mudo e en particular do xenial Buster Keaton. Wall-E lembra en deseño ó robot da película Cortocircuito (1986), comedia familiar dos anos 80 na que "Johnny 5", creado para fins militares, escapa ó ser alcanzado por un raio e ocúltase coa axuda dunha moza.





Hai algúns títulos destacables baseados na obra do prolífico divulgador científico e novelista Isaac Asimov, quen estableceu as tres coñecidas leis da robótica. Dous exemplos son Eu Robot (2004), de Alex Proyas e protagonizada por Will Smith como detective que investiga a posibilidade de que un robot fora de control asasinara un humano, ou O Home Bicentenario (1999) de Chris Columbus onde atopamos a Robin Williams interpretando a un robot que evoluciona experimentando emocións e amosando creatividade.



Tamén merecen mención AI: Intelixencia Artificial (2001) de Steven Spielberg, RoboCop (1987) de Paul Verhoeven, o androide Data da saga Star Trek (1966), Marvin, robot maniaco depresivo de Guía do autoestopista galáctico (2005), ou a película de animación Robots (2005), dos creadores da saga Ice Age.

Na seguinte reportaxe emitida por TVE 2 no 2008 repásanse algúns outros robots na pantalla:



Para finalizar, na seguinte ligazón aparece un listado cos 50 mellores robots na historia do cine segundo The Times:

50 mellores robots na historia do cine

23 abr 2010

Domingo Fontán e a Carta Xeométrica de Galicia

Un dos primeiros artigos do blogue foi adicado ás aplicacións informáticas que Google pon á nosa disposición entre as cales se atopaba o Google Earth, que nos permitía obter detallados mapas e imaxes por satélite de calquer lugar do mundo. Pero esta é unha ferramenta moi recente; as súas primeiras versións datan de finais do 2004. Coa tecnoloxía de séculos anteriores, a cartografía resultaba unha tarefa necesaria pero enormemente laboriosa, e os mellores mapas e atlas eran valiosos documentos.

A continuación podedes ver un documental onde se repasa a historia de Domingo Fontán e a creación do primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade: a Carta Xeométrica de Galicia.



17 abr 2010

October Sky: por que orbitan os cohetes?

Nunha decadente vila mineira, a visión do Sputnik, primeiro satélite artificial lanzado polo home, fai que un rapaz que tiña por inevitable destino a extracción de carbón, se obsesione coa idea de construir cohetes e contribuir á exploración espacial.

Sen dúbida semella o comezo dunha historia de libro ou de película, e en efecto é así, pero tamén é a historia real de Homer Hickam. A película October Sky, baseada no libro Rocket Boys relata a ilusión e a vocación de Homer e os seus amigos pola construcción de cohetes e por convertirse nos donos do seu futuro a través do traballo, do sacrificio, do compromiso, da responsabilidade e axudados pola forza da amizade.



A película é moi recomendable e sérvenos para introducir algunhas preguntas. Supoñamos que somos capaces de construír un modesto cohete. Tras máis ou menos segundos de ascenso o cohete comezará a caer pola forza da gravidade. Como pode ser, entón, que un cohete logre poñerse en órbita para xirar indefinidamente arredor da Terra como ocorre nos lanzamentos espaciais que vemos con frecuencia nesta páxina?

Isaac Newton formulouse estas mesmas cuestións hai xa case catro séculos, e estableceu a teoría que se coñece como canón de Newton. Podedes ler plantexamentos teóricos en diferentes fontes na rede, pero o seguinte flash é máis ilustrativo que todas elas:

Canón de Newton
Vemos como a medida que aumentamos a pólvora do noso canón, a bala vai caéndo máis lonxe na Terra, ata que chega a un punto no que cae "fóra" do planeta e comeza a órbitación como un proceso de caída indefinida.

Se lle damos aínda máis potencia, a órbita acada picos maiores e formas elípticas máis excéntricas, ata que na potencia máxima o proxectil supera a velociadade de escape e xa non se ve afectado pola forza de atracción gravitatoria.

Turismo espacial: "un billete para Marte, por favor"

O turismo espacial é considerado por algúns autores unha nova etapa na carreira do ser humano cara o espazo. Posiblemente este fenómeno non comezou antes pola importancia do pulso espacial entre EEUU e a URSS, con dotacións económicas elevadísimas.

Pero coa descomposición da Unión Soviética e a crise económica posterior, a Axencia Espacial Rusa aceptou que o millonario Denis Tito pagara por ocupar unha praza libre nunha das súas cápsulas espaciais. Nese momento a NASA era contraria a satisfacer o que calificou como "caprichos de millonarios excéntricos". Na actualidade a realidade orzamentaria, ilustrada polos últimos recortes e a cancelación do proxecto de volta á Lúa por parte de Obama, fan que o turismo se convirta nunha vía necesaria de financiación para as axencias espaciais.

Así, nos últimos tempos gañan peso paulatinamente as iniciativas privadas para a explotación do turismo espacial. Recentemente puidemos ver como a nave SpaceShipTwo, para a que xa 300 persoas reservaron praza cunha recadación duns 45 millóns de dólares, elevábase a uns 13 quilómetros de altura no seu bautismo e espérase que alcance os 110 quilómetros, superando a liña de Karman, límite entre a atmósfera e o espazo exterior.


Outro ambicioso proxecto parte da idea dunha empresa española con sede en Barcelona, Zero2Infinity, que plantexa a posibilidade de ascender, de xeito máis tranquilo e duradero que nos seus competidores, a uns 36 km de altura no globo estratosférico Bloon.

Simulación publicitaria do globo Bloon

15 abr 2010

Máis fotos de Soichi Noguchi

De novo o astronauta nipón Soichi Noguchi, actual tripulante da Estación Espacial Internacional (ISS), capta a nosa atención por ofrecernos a súa privilexiada vista dende o espazo.

Soichi leva dende o 24 de xaneiro publicando fotos de diferentes lugares do planeta a través do servizo de micro-blogue Twitter. Este feito xa foi destacado anteriormente neste blogue cando o astronauta plantexara unha adiviña sobre unha fotografía da Ría de Vigo. Nesta ocasión obtivo unha espectacular imaxe da Península Ibérica coa costa mediterránea en primeiro plano.


Seguiremos atentos á actividade fotográfica do xaponés que esperamos siga deleitándonos coas súas postais.