27 may 2010

Continúa a semana da ciencia

A semana da ciencia continúa no IES Xermán Ancochea.

Durante os últimos días o instituto impregnouse de astronomía grazas ó esforzo do alumnado nas últimas semanas. No primeiro andar podemos ver os planetas pendurados representando as distancias a escala no Sistema Solar. Á altura de cada un, os traballos en cartolinas dos alumnos explican diferentes aspectos físicos e mitolóxicos de cada astro. 2º e 4º de ESO foron os encargados de construír esta representación e as súas explicacións.



Tamén podemos disfrutar de información sobre as distintas constelacións, traballo de 1º ESO. E noutro panel con murais e unha maqueta poderemos informarnos de todo o relativo ás órbitas dos cometas, Kepler, elipses e ó método do xardineiro para a súa construcción. Os alumnos de 3º de ESO foron os artífices deste traballo.



Ademais ampliouse a exposición coa mostra de mulleres matemáticas e finalizouse a proxección para todos os grupos de October Sky. Pero aínda queda por facer. Nos próximos días espérase a instalación de máis materiais traballados polos alumnos, coma un reloxo de sol, unha estación meteorolóxica e posiblemente algunha práctica con material ofrecido pola ESA.



23 may 2010

LISA: Un experimento xigantesco para probar as teorías de Einstein

A NASA e a ESA preparan a construción do experimento científico máis grande da historia: tres naves espaciais que se separarán ata 5 millóns de quilómetros de distancia entre elas - 13 veces a distancia entre a Terra e a Lúa - e dispararán un láser - cunha precisión de 40 billonésimas de metro - que deberán recibir nuns pequenos cubos de oro-platino de tan so 4,6 centímetros de aresta. Deste xeito formarán un xigantesco triángulo equilátero orbitando xunto ó noso planeta.


O obxectivo é verificar a existencia das ondas gravitacionais, último detalle da teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein que queda por comprobar experimentalmente .


Pese a que xa se están fabricando os instrumentos que levarán as naves, o proxecto, denominado LISA (Antena Espacial de Interferómetro Láser), non dará comezo ata o 2020. Antes levarase a cabo unha misión a pequena escala, a LISA Pathfinder, para probar a tecnoloxía do experimento principal.

20 may 2010

Soichi Noguchi fotografía o Atlantis sobre Tenerife

Unha vez máis publicamos unha espléndida fotografía de Soichi Noguchi. Nesta ocasión podemos ver retratado o transbordador Atlantis sobre a illa de Tenerife durante as maniobras de acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS)


Podes acceder dende aquí ós anteriores artigos nos que as fotografías do astronauta captaron a nosa atención:

1. A Ría de Vigo por Soichi Noguchi
2. Máis fotos de Soichi Noguchi

Accede a máis fotografías das Illas Canarias dende espazo na fonte: Orbitazero

16 may 2010

Comezo da Semana da Ciencia

A semana da ciencia no IES Xermán Ancochea prolongaráse máis dos sete días previstos inicialmente. Tras a visita ó observatorio astronómico Ramón María Aller e ó microscopio electrónico da USC, desenvolvéronse a partir do luns actividades como a exposición Medindo o Universo, a proxección da película October Sky, a charla da meteoróloga da TVG Beatriz Hervella e a colocación dun póster cunha liña temporal repasando historia da astronomía e outro sobre gran científico Isaac Newton.







Para a vindeira semana ampliarase a mostra con talleres e murais construidos por diferentes grupos de alumnos do instituto e programaranse máis actividades relacionadas coa ciencia en xeral e a astronomía en particular.

2 may 2010

Robótica espacial explicada dende a ISS

O cuarto e último capítulo da serie documental realizada na Estación Espacial Internacional (ISS) e presentada por diferentes astronautas está moi ligado ós contidos do anterior artigo. Esta vez é o cosmonauta alemán Thomas Reiter o encargado de amosarnos e explicarnos diferentes aspectos da robótica dende o espazo.








Dende aquí podedes acceder todas as entregas:

1. As Leis de Newton por Pedro Duque
2. Os efectos da ingravidez dende a ISS
3. As propiedades da materia dende a ISS
4. Robótica espacial explicada dende a ISS

30 abr 2010

Robots na ISS. Robots de cine.

A partir de setembro, a Estación Espacial Internacional (ISS) contará cun novo tripulante. O seu nome é Robonauta 2 (R2), un humanoide deseñado para traballar nas difíciles condicións do espazo, que tamén podería realizar tarefas industriais na Terra. Deste xeito serviría de apoio para a tripulación nas misións máis difíciles e perigosas.


Por fin parece que as especulacións sobre o desenvolvemento dos androides que tanto xogo deu no cine comeza a tomar forma real. Faremos a continuación un breve repaso dalgunhas das películas máis relevantes con protagonismo de robots.

O tema comezou a tratarse cinemátográficamente con máis antelación da que cabería esperar. No ano 1927 o cine xa profetizou a relevancia da robótica no futuro da humanidade no filme mudo Metrópolis, obra mestra de Fritz Lang e cumio do cine expresionista alemán, chegando ó extremo de ser nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.



A película reflicte un mundo futurista onde as diferencias sociais son extremas, no que as incitacións dun robot son o detonante para que a clase obreira, habitante da cidade subterránea, se rebele contra o sistema.



Os efectos especiais e a ambición visual do filme resultan abraiantes se pensamos nas limitacións tecnolóxicas que terían hai uns 83 anos. Existe unha película anime homónima, Metrópolis de Osamu Tezuka, realizada no 2001 e inspirada no clásico de Lang:



Tras varias produccións nos anos 50 coma o clásico da ciencia ficción Ultimátum á Terra (1951) do que recentemente se fixo un remake, Planeta Prohibido (1956) onde aparece por primeira vez Robby o robot, e outros títulos de serie B máis prescindibles como Robot Monster ou Devil Girl from Mars, sorprende a calidade lograda se avanzamos ata o 1968, data na que o xenio do cine Stanley Kubrick inquedaba ós espectadores coa sinistra transformación e actitude desobediente do robot-ordenador HAL na película 2001: unha odisea no espazo.







A mesma idea foi imitada ou parodiada en numerosas ocasións como na película Moon (2009), de Duncan Cameron - fillo do cantante David Bowie -, considerada xa de culto para algúns sectores de cinéfilos, na que o robot GERTY lembra a HAL, ou na coñecida serie Os Simpson (tempada 13, episodio 1) na que Ultrahouse 3000, computadora idéntica a HAL concebida para controlar os automatismos domésticos, trata de asasinar a Homer e conquistar a Marge.



Tamén foi levada ó extremo da guerra entre máquinas e humanos en películas como a saga Terminator (1984-2009), iniciada por James Cameron con Arnold Schwarzenegger facendo de T-800, ou a triloxía Matrix dos irmáns Wachowski (1999-2003) con Keanu Reeves (Neo) e Hugo Weaving (Mr. Smith) como protagonista humano e antagonista robot respectivamente.

Na primeira, as circunstancias bélicas levan ás máquinas a viaxar no tempo para evitar o nacemento do lider humano asasinando á súa nai co robot Terminator.



Matrix introduce conceptos máis actuais relacionados coas novas tecnoloxías: a realidade virtual e Internet. Plantexa que o mundo que coñecemos é en realidade un entorno virtual ficticio que as máquinas crean para escravizar ós humanos e alimentarse da súa enerxía.



Outro título imprescindible é Blade Runner (1982), filme de Ridley Scott baseado no libro de Philip K. Dick titulado Soñan os androides con ovellas eléctricas?. Precursora do ciberpunk, a película, que mestura elementos de cine negro clásico con ciencia ficción, trata da persecución dos replicantes, humanoides idénticos ós humanos deseñados con enxeñería xenética no ano 2019 que se rebelan e se convirten en proscritos perseguidos polas unidades Blade Runner.



A robótica tamén tivo un tratamento máis amable en películas como Star Wars (1977-1983, 1999-2005) onde R2D2 e C3PO acadaban a fama como simpatico dúo de robots que se convirten en heroes da rebelión contra o imperio do malvado Palpatine e da súa man dereita Darth Vader.



Un dos últimos robots cinematográficos foi Wall-E (2008), entrañable andoride chatarreiro creado por Pixar, que nunha espectacular media hora inicial homenaxea o humor de cómicos de cine mudo e en particular do xenial Buster Keaton. Wall-E lembra en deseño ó robot da película Cortocircuito (1986), comedia familiar dos anos 80 na que "Johnny 5", creado para fins militares, escapa ó ser alcanzado por un raio e ocúltase coa axuda dunha moza.





Hai algúns títulos destacables baseados na obra do prolífico divulgador científico e novelista Isaac Asimov, quen estableceu as tres coñecidas leis da robótica. Dous exemplos son Eu Robot (2004), de Alex Proyas e protagonizada por Will Smith como detective que investiga a posibilidade de que un robot fora de control asasinara un humano, ou O Home Bicentenario (1999) de Chris Columbus onde atopamos a Robin Williams interpretando a un robot que evoluciona experimentando emocións e amosando creatividade.



Tamén merecen mención AI: Intelixencia Artificial (2001) de Steven Spielberg, RoboCop (1987) de Paul Verhoeven, o androide Data da saga Star Trek (1966), Marvin, robot maniaco depresivo de Guía do autoestopista galáctico (2005), ou a película de animación Robots (2005), dos creadores da saga Ice Age.

Na seguinte reportaxe emitida por TVE 2 no 2008 repásanse algúns outros robots na pantalla:



Para finalizar, na seguinte ligazón aparece un listado cos 50 mellores robots na historia do cine segundo The Times:

50 mellores robots na historia do cine

23 abr 2010

Domingo Fontán e a Carta Xeométrica de Galicia

Un dos primeiros artigos do blogue foi adicado ás aplicacións informáticas que Google pon á nosa disposición entre as cales se atopaba o Google Earth, que nos permitía obter detallados mapas e imaxes por satélite de calquer lugar do mundo. Pero esta é unha ferramenta moi recente; as súas primeiras versións datan de finais do 2004. Coa tecnoloxía de séculos anteriores, a cartografía resultaba unha tarefa necesaria pero enormemente laboriosa, e os mellores mapas e atlas eran valiosos documentos.

A continuación podedes ver un documental onde se repasa a historia de Domingo Fontán e a creación do primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade: a Carta Xeométrica de Galicia.



17 abr 2010

October Sky: por que orbitan os cohetes?

Nunha decadente vila mineira, a visión do Sputnik, primeiro satélite artificial lanzado polo home, fai que un rapaz que tiña por inevitable destino a extracción de carbón, se obsesione coa idea de construir cohetes e contribuir á exploración espacial.

Sen dúbida semella o comezo dunha historia de libro ou de película, e en efecto é así, pero tamén é a historia real de Homer Hickam. A película October Sky, baseada no libro Rocket Boys relata a ilusión e a vocación de Homer e os seus amigos pola construcción de cohetes e por convertirse nos donos do seu futuro a través do traballo, do sacrificio, do compromiso, da responsabilidade e axudados pola forza da amizade.



A película é moi recomendable e sérvenos para introducir algunhas preguntas. Supoñamos que somos capaces de construír un modesto cohete. Tras máis ou menos segundos de ascenso o cohete comezará a caer pola forza da gravidade. Como pode ser, entón, que un cohete logre poñerse en órbita para xirar indefinidamente arredor da Terra como ocorre nos lanzamentos espaciais que vemos con frecuencia nesta páxina?

Isaac Newton formulouse estas mesmas cuestións hai xa case catro séculos, e estableceu a teoría que se coñece como canón de Newton. Podedes ler plantexamentos teóricos en diferentes fontes na rede, pero o seguinte flash é máis ilustrativo que todas elas:

Canón de Newton
Vemos como a medida que aumentamos a pólvora do noso canón, a bala vai caéndo máis lonxe na Terra, ata que chega a un punto no que cae "fóra" do planeta e comeza a órbitación como un proceso de caída indefinida.

Se lle damos aínda máis potencia, a órbita acada picos maiores e formas elípticas máis excéntricas, ata que na potencia máxima o proxectil supera a velociadade de escape e xa non se ve afectado pola forza de atracción gravitatoria.

Turismo espacial: "un billete para Marte, por favor"

O turismo espacial é considerado por algúns autores unha nova etapa na carreira do ser humano cara o espazo. Posiblemente este fenómeno non comezou antes pola importancia do pulso espacial entre EEUU e a URSS, con dotacións económicas elevadísimas.

Pero coa descomposición da Unión Soviética e a crise económica posterior, a Axencia Espacial Rusa aceptou que o millonario Denis Tito pagara por ocupar unha praza libre nunha das súas cápsulas espaciais. Nese momento a NASA era contraria a satisfacer o que calificou como "caprichos de millonarios excéntricos". Na actualidade a realidade orzamentaria, ilustrada polos últimos recortes e a cancelación do proxecto de volta á Lúa por parte de Obama, fan que o turismo se convirta nunha vía necesaria de financiación para as axencias espaciais.

Así, nos últimos tempos gañan peso paulatinamente as iniciativas privadas para a explotación do turismo espacial. Recentemente puidemos ver como a nave SpaceShipTwo, para a que xa 300 persoas reservaron praza cunha recadación duns 45 millóns de dólares, elevábase a uns 13 quilómetros de altura no seu bautismo e espérase que alcance os 110 quilómetros, superando a liña de Karman, límite entre a atmósfera e o espazo exterior.


Outro ambicioso proxecto parte da idea dunha empresa española con sede en Barcelona, Zero2Infinity, que plantexa a posibilidade de ascender, de xeito máis tranquilo e duradero que nos seus competidores, a uns 36 km de altura no globo estratosférico Bloon.

Simulación publicitaria do globo Bloon

15 abr 2010

Máis fotos de Soichi Noguchi

De novo o astronauta nipón Soichi Noguchi, actual tripulante da Estación Espacial Internacional (ISS), capta a nosa atención por ofrecernos a súa privilexiada vista dende o espazo.

Soichi leva dende o 24 de xaneiro publicando fotos de diferentes lugares do planeta a través do servizo de micro-blogue Twitter. Este feito xa foi destacado anteriormente neste blogue cando o astronauta plantexara unha adiviña sobre unha fotografía da Ría de Vigo. Nesta ocasión obtivo unha espectacular imaxe da Península Ibérica coa costa mediterránea en primeiro plano.


Seguiremos atentos á actividade fotográfica do xaponés que esperamos siga deleitándonos coas súas postais.

10 abr 2010

As propiedades da materia dende a ISS

Terceira entrega da divertida serie documental onde distintos astronautas explican conceptos de física con demostracións dende a Estación Espacial Internacional (ISS).

Esta vez o italiano Roberto Vittori acompaña as explicacións con experimentos que exploran as diferentes estructuras, estados e propiedades da materia.







Dende aquí podedes acceder todas as entregas:

1. As Leis de Newton por Pedro Duque
2. Os efectos da ingravidez dende a ISS
3. As propiedades da materia dende a ISS
4. Robótica espacial explicada dende a ISS

9 abr 2010

A ISS e o Discovery sobre Trives

Hoxe, venres 9 de abril, puidemos ver dende Trives a ISS sobre as nosas cabezas. A Estación Espacial Internacional está actualmente acoplada ó coñecido transbordador Discovery e tripulada por varios astronautas entre os que se inclúen o xaponés Soichi Noguchi que recentemente fotografiou a Ría de Vigo dende a nave, aparecía ás 7:34 da mañá polo oeste, e cruzaba a notable velocidade a bóveda celeste desaparecendo a medida que se achegaba ó amencer.


Para coñecer as previsións de visibilidade da ISS podémolo facer dende a páxina heavens-above.com. Seleccionando como lugar de observación Trives, ou o que desexemos, coñeceremos detalladamente o intervalo horario no que se poderá ver a estación, así como a estimación da magnitude (medida do brillo de corpos celestes). Tamén teremos acceso á carta estelar que facilitará a observación.

Os datos correspondentes ó paso da ISS por Trives no día de hoxe foron os seguintes, así como a carta estelar coa traxectoria do satélite foron, segundo heavens-above.com:

Magnitude: -3.2 Hora comezo: 07:34:24 Dirección: WSW Hora altitude máxima: 07:37:16 Dirección: NNW Hora fin: 07:40:09 Dirección: NE

NOTA: a magnitude -3.2 supón un brillo maior que o de calquera estrela e próximo ó do planeta Venus no seu máximo resplandor.

5 abr 2010

O Discovery xa está no espazo

Dende Astronotrives puidemos ver puntualmente ás 12:21 o espectacular lanzamento do transbordador espacial Discovery en directo. Todo saíu segundo o previsto, e grazas ós comentarios dos compañeiros de orbitazero.es todo o proceso foi detalladamente explicado en cada momento.

Espérase que o mércores á mañá sexa retransmitido o acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS). Podedes informarvos dos detalles da misión en orbitazero.es.

O próximo lanzamento previsto é o xoves 8 pola tarde, cando será posto en órbita o satélite europeo Cryosat 2 para o estudo do cambio do xeo na Terra.

1 abr 2010

Google Satellite Tracking: onde está o satélite?

De novo Google ofrécenos outra interesante aplicación astronómica. Trátase dun seguimento da posición dos principais satélites. Atoparase neste mesmo intre algún satélite sobre as nosas cabezas?. Grazas ó sistema de posicionamento de Google, poderémolo saber. Ademais, algúns deles, como a Estación Espacial Internacional (ISS) son visibles en noites despexadas - semella unha estrela en movemento - cando sobrepasan aproximadamente a nosa ubicación.

A ISS dende a Terra

Na seguinte aplicación podedes seleccionar varios satélites para facerlles o seguimento, elixindo o mapa mundial ou un zoom ós lugares que está a sobrevoar. Aparecen na zona superior esquerda varios datos, como as coordenadas, a altitude e a velocidade do satélite en cada intre. Sobre o mapa aparecen a nosa posición como un punto vermello, a posición do sol, a zona da terra na que é noite, e unha curva que supón a traxectoria estimada do satélite na súa órbita sobre a Terra. Tedes mapas máis detallados e posibilidade de seguir máis satélites na seguinte ligazón: Google Satellite Tracking

30 mar 2010

Vistas dende observatorios canarios

No seguinte video filmado coa técnica timelapse podemos ver o movemento dos obxectos celestes no firmamento e outras vistosas estampas dende os observatorios de Canarias (Observatorio do Teide, Tenerife, e Observatorio "del Roque de los Muchachos", La Palma).

Video de Daniel Lopez de caliu en Vimeo.


Destacan no video:

• Segundo 44: luz zodiacal no solpor e unha curiosa nube estacionaria que xira durante horas.

• Segundo 54 e seguintes: a luz zodiacal é calramente visible. Nesa secuancia pódense ver obxectos como Venus, a nosa propia galaxia, Andrómeda, as Pléiades, a nebulosa de California e incluso o bucle vermello da constelaión de Orión.

• 01:19: a gran nebulosa de Orión e incluso la cabeza do cabalo caen sobre o Teide.

• 02:14: a Lúa e Venus.

• 02:47: a OGS rastrea basura espacial, incluso vese a través da ventá a Vía Láctea.

26 mar 2010

Hemeroteca astronómica

A astronomía constitúe unha disciplina de gran atractivo, e non só na actualidade. Os últimos descubrimentos da comunidade científica sobre os corpos celestes ou os principais logros na exploración espacial ocupan e ocuparon portadas de revistas de divulgación científica e páxinas enteiras na prensa.

Grazas ó servizo de hemeroteca dalgúns periódicos que ofrecen os exemplares anteriores á "era dixital" escaneados en formato PDF, podemos ter acceso á visión que se tiña dos últimos avances en materia espacial durante as distintas décadas do século XX.

Por exemplo, no seguinte artigo do 4 de maio de 1977 (non tan antigo, tan so hai uns 33 anos) relatan como un descubrimento asombroso o feito de que Saturno non fora o único planeta con aneis ó atoparense evidencias de que Urano tamén os posuía. Á vista das novas de actualidade, nas que se dan a coñecer datos de exoplanetas, de sistemas e estrelas moi alonxados e de outros asombrosos misterios do Universo, hoxe semella un descubrimento bastante modesto. Isto exemplifica a gran velocidade á que avanza a ciencia así como a celeridade coa que asumimos as súas conclusións.


Nesta outra nova, datada o 3 de xuño de 1966, aparecen fotos da sonda Surveyor, unha das misións previas á chegada do home á Lúa na misión Apolo 11 de 1969, en plena carreira espacial entre EEUU e a URRS.


Se tedes a curiosidade de investigar pola vosa conta nos arquivos de prensa podedes buscar novas dende a hemeroteca de "La Vanguardia":

Hemeroteca de "La Vanguardia" con novas dende 1881

NOTA: Pinchade nas fotos para ver a súa ampliación

25 mar 2010

Recreación do Big Bang no LHC

O LHC, o maior acelerador de partículas do mundo, abrirá unha ventá cara o descoñecido para a comunidade científica internacional a partir do 30 de marzo, data na que se prevé o choque de protóns cunha enerxía nunca vista polo ser humano de 7 TeV (teraelectrónvoltios).


Este choque producirase só á metade de potencia da macroestructura,da que se esperan magnitudes de 14 TeV. Pero antes de maximizar as capacidades do LHC, reforzaránse as medidas de seguridade para conter o que se afirma será, a pequena escala, unha liberación de enerxía de natureza similar á dos instantes inmediatamente posteriores ó Big Bang.


Este experimento pode confirmar a existencia dunha hipotética partícula chamada Bosón de Higgs, fundamental para avanzar nas investigacións da física de partículas, afondar no coñecemento da enerxía escura e da orixe do Universo.

CURIOSIDADE: O LHC recolle nos seus experimentos tal cantidade de datos que non hai ordenador que poida procesalos polo que, igual que no proxecto SETI no que miles de usuarios colaboran no procesamento das observacións de radiotelescopios co seu ordenador persoal para a busca de vida intelixente, creouse a páxina LHC@home a través da cal podemos axudar coa nosa computadora a estudar a inmensa fonte de coñecementos que suporán as colisións no LHC.

22 mar 2010

As Leis de Newton por Pedro Duque

No ano 1687 o físico, matemático e astrónomo inglés Sir Isaac Newton revolucionaba o coñecemento do Universo sentando as bases da mecánica clásica coa formulación das Leis de Newton.

Newton amosaba como combinando a Lei da gravitación universal coas tres leis citadas podíanse deducir e explicar as Leis de Kepler sobre o movemento planetario, que supuxeran a principios do século XVII un salto cualitativo no coñecemento do noso Sistema Solar.

Podedes ver o seu enunciado dende a ligazón á galipedia pinchando no seu nome, pero por sorte o primeiro astronauta español, Pedro Duque, membro da ESA (Axencia Espacial Europea), ofrécenos unha marabillosa e entretida demostración dende a Estación Espacial Internacional (ISS) para que as entendamos mellor.





Dende aquí podedes acceder todas as entregas:

1. As Leis de Newton por Pedro Duque
2. Os efectos da ingravidez dende a ISS
3. As propiedades da materia dende a ISS
4. Robótica espacial explicada dende a ISS

19 mar 2010

NASA/ESA TV: vive os lanzamentos espaciais en directo

PREVISTO LANZAMENTO TRIPULADO DO DISCOVERY NA MAÑÁ DO LUNS 5 DE ABRIL ÁS 12:21 (HORA ESPAÑOLA)

O Discovery levará o luns 5 de abril á Estación Espacial Internacional (ISS) un módulo con novos experimentos científicos para realizar na estación espacial, así como unhas 1,8 toneladas de equipos e provisións para a tripulación da ISS.

A misión, de 13 días, ten previstas tres andainas espaciais nas que se substituirá un tanque de amoníaco no exterior da nave, como parte do sistema de refrixeración dos equipos de abordo.

A misión será comandada polo astronauta Alan Poindexter e a súa tripulación estará integrada polo piloto Jim Dutton e los especialistas Rick Mastracchio, Clay Anderson, Dorothy Metcalf-Lindenburger, Stephanie Wilson e a astronauta Naoko Yamazaki da Axencia de Exploración Aeroespacial de Xapón.


Fonte: Orbitazero.es


A NASA ofrece varias canles de televisión tamén retransmitidas por streaming na rede. Algunhas delas ofrecen contidos educativos sobre astronomía, vistas do noso planeta dende unha estación espacial, e retransmisión dos lanzamentos ó espazo dende o famoso Cabo Cañaveral.

Aquí tedes acceso ás canles da NASA TV e da ESA TV que ofrecen lanzamentos de naves espaciais en directo (só tedes que informarvos dos horarios estimados) e tamén acceso a grabacións en diferido.

NASA TV Canle#2


NASA TV Canle#1

ESA TV

Se non podes ver o lanzamento proba a facelo dende aquí

Existen outras canles temáticas de astronomía en Internet. Como exemplo a canle de www.sondasespaciales.com, web en español sobre á actualidade da exploración espacial:


Ou a mexicana @STRO TV, adicada 24 horas á astronomía, que ofrece dúas canles:

- @STRO TV Observ@ción, transmitindo dende as 16 ata as 22 UTC a observación solar do Observatorio "Carl Sagan".

- @STRO TV Educ@ción, con programas educativos e documentais.

A Ría de Vigo por Soichi Noguchi

O astronauta nipón Soichi Noguchi, actual tripulante da Estación Espacial Internacional (ISS), leva dende o 24 de xaneiro publicando fotos de diferentes lugares do planeta a través do servizo de micro-blogue Twitter.


Vairas fotos chamaron a atención dos medios de comunicación, como unha de Exipto sobre a que dixo: "Si, as pirámides pódense ver dende o espazo".


Pero en Galicia, Soichi Noguchi fíxose realmente famoso nos últimos días, cando publicou a seguinte foto acompañada da frase: "Nomea esta cidade europea!".


A cidade en cuestión é Vigo e a súa contorna, e este dato non tardou en facerse eco na prensa.

O fenómeno estendeuse a gran velocidade, e a día de hoxe a foto xa recibiu unhas 32500 visitas e xurdiu un grupo na rede social Facebook que reclama que sexa nomeado fillo adoptivo da cidade.

13 mar 2010

Descubrindo o universo con Google

O xigante dos buscadores, Google, permite explorar o universo a través da súa aplicación online Google Sky. Cun funcionamento similar ó do coñecido Google Maps podemos viaxar polo espazo e incluso simular o visionado dos astros con raios-X e infravermellos. Tamén teremos acceso a fotos e datos de interese de cada rincón das galaxias e dos sistemas coñecidos.


Ademais da aplicación online temos a opción de baixar o programa instalable Google Earth que nos permite explorar o noso planeta con detalladas imaxes de satélite, e á que se lle engadiu a característica de explorar o universo e algúns planetas de xeito similar ó Google Sky.


Pero as posibilidades de estudar astronomía con Google aínda van máis aló, xa que pon á nosa disposición unha aplicación interactiva chamada A Aventura do Universo, desenvolvida pola Agrupación Astronómica de Madrid, CosmoCaixa, o Planetario de Madrid e Google, como parte das actividades do Ano Internacional da Astronomía. Animádevos e deixade un comentario coa vosa puntuación.


No xogo deberás contestar vinte preguntas para avaliar o teu nivel de coñecementos, e poderás subir a túa puntuación á rede e comparala coas de outros xogadores.

NOTA: Para ver imaxes de satélite de España e Galicia, as bases de datos con maior nivel de detalle, especialmente en zona rural, son as dos visores SIGPAC (España) e SIXPAC (Galicia), aplicacións do Fondo Español de Garantía Agraria e da Xunta de Galicia respectivamente para o seguimento de parcelas agrarias, medición de terreos e información catastral. Como mostra, a vista aérea do noso instituto:

10 mar 2010

A inmensidade do universo cantada polos Monty Phyton

Practicade o voso inglés con este video que acompaña imaxes do Sistema Solar, da galaxia e do universo ó ritmo da canción Galaxy Song do xenial grupo de humoristas británicos Monty Phyton.


A canción, de aire ledo, fala do insignificantes que somos na inmensidade do universo citando varios datos concretos que exemplifican a idea de que o seu tamaño é inabarcable para o noso entendemento.

A continuación preséntase un flash interactivo no que movendo o deslizador da parte de abaixo cambiamos a escala para amosar dende as partículas máis pequenas coñecidas ata o que se estima que será o tamaño total do universo, pasando por medidas de átomos, moléculas, microbios, insectos, animais, homes, planetas e galaxias.

A escala do Universo

Telescopios. Simulador de Telescopios. Observatorios galegos

No seguinte enlace poderedes coñecer toda a información sobre o funcionamento do "mellor amigo do astrónomo", o telescopio óptico:

http://www.astrosurf.com/astronosur/telescopios.htm



Ademais, na mesma páxina atopamos un simulador de telescopio onde podemos alterar parámetros reais de telescopios e comprobar os efectos que teñen sobre a observación de catro representativos obxectos celestes: a Lúa, Marte, Saturno e a Nebulosa de Orion (M42)

Simulador de telescopios:
http://www.astrosurf.com/astronosur/telescopios_simulador.htm

En Galicia temos un importante telescopio no observatorio astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, adicado ó estudo das estrelas dobres e fundado polo importante astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa.



Máis cerca, na nosa comarca, no concello de San Xoan de Río existe outro observatorio na alberguería Os Biocos da Vía Nova.

5 mar 2010

Stellarium: observa o firmamento dende o teu ordenador

Ninguén dubida que se queremos observar o firmamento o mellor é saír nunha noite despexada a un lugar tranquilo e sen contaminación lumínica. Pero se queremos saber onde están os astros durante o día, ou nunha noite nublada ou sen saír da casa, ou se queremos unha guía de observación pero non dispoñemos dun planisferio celeste, Stellarium é a mellor solución.



Stellarium
é software libre e multiplataforma, e como tal, a súa distribución é gratuíta. Ademais atópase traducido a numerosos idiomas incluíndo galego e castelán.

Stellarium é capaz de amosar un ceo realista en 3D tal como se aprecia a simple vista, con binoculares ou telescopio. Só especifica as coordenadas do lugar de observación e listo.

Podedes descargalo dende a súa páxina oficial: http://stellarium.org/es/

4 mar 2010

A historia da astronomía en dez minutos

Desfrutade deste documental que repasa de forma amena e sintética a historia da astronomía dende as primeiras civilizacións ata os nosos días.

3 feb 2010

3...2...1... Despegue!

Dende o instituto Xermán Ancochea en Trives, arranca a nosa particular viaxe polos astros. Nos vindeiros meses publicaranse diferentes contidos, actividades, curiosidades, links e outros aspectos que acheguen os misterios do universo á nosa comunidade educativa.


Esperamos que vos guste, e que poidamos espertar o voso interese por un tema que sempre marabillou ó ser humano, e que aínda ten numerosos misterios por descubrir.